mércores, 22 de febreiro de 2017

Sesión 26/01/2017: Actividades de expresión escrita


Esta terceira sesión con Luz tratou sobre as actividades de expresión escrita, unha destreza que sen dúbida se lle "atraganta" a moitos alumnos. Eu penso que se debe, por un lado, a que en moitos casos todo o feedback que reciben é un papel cheo de correccións en vermello e, por outro lado, a que sempre teñen que facer o mesmo tipo de actividade do estilo "fala da comida do teu país" ou "describe a túa familia", co cal non se motivan.  

Por outra banda, moitos estudantes non saben redactar correctamente na súa lingua inicial. Polo tanto, difícilmente van saber facelo na lingua estranxeira. O tema está en que nós, como profesores de LE non temos o tempo suficiente para ensinarlles a facelo. Polo tanto, é un asunto bastante complexo. 

Volvendo á sesión de Luz, comezámola reflexionando sobre qué tipos de actividades de expresión escrita facemos na vida cotiá. Algunhas delas son: 

  • exames
  • listas da compra
  • emails,cartas
  • diario
  • resumos
O primeiro que convén ter claro con respecto as actividades de expresión escrita é que non lles podemos mandar aos estudantes que fagan unha redacción de deberes así se máis (unha práctica moi extendida), senón que antes temos que traballar con eles o vocabulario na aula, xa sexa mediante brainstormings ou realizando unha actividade de expresión oral que teña continuidade na escrita, por exemplo.

Ao longo Luz da sesión, Luz deunos unha serie de ideas de actividades de expresión escrita, das cales sen dúbida aproveitarei máis de unha, tanto nas prácticas como na vida laboral como docente. A continuación recopilo algunhas:
  • Pedirlles aos alumnos que elaboren unha redacción de presentación dicindo quenes son, que experiencia teñen co inglés e que queren facer no futuro. Podemos empregar esta actividade para facer unha avaliación inicial xa que sen sabelo, os estudantes empregarán os tempos verbais de pasado, presente e futuro.
  • Darlles aos alumnos unha historia difícil de explicar e pedirlles que o fagan por escrito. Por exemplo: Que facias onte trepando pola casa dos teus veciños?
  • Ofrecerlles a posibilidade de que escriban unha reseña dun libro ou película para o blogue do instituto ou un artigo para e revista e sumarlle un punto positivo de cara a avaliación aos que participen.
  • Pedirlles que fagan un scrapbook (libro de recortes), e que describan nunhas liñas as cousas que inclúen nel.
  • Mandarlles facer un resumo, sen esquecer que primeiro teñen que saber facer facelo, polo que será tarefa nosa mostrarlles como.
Unha das actividades da clase que máis me gustou foi a elaboración dunha oda a un obxecto. É un exercicio co que, ademais de practicar a expresión escrita, os estudantes poderán ver o sinxelo que pode resultar escribir poesía. O único que precisarán será pensar nun obxecto, coñecer a diferenza entre substantivo, adxectivo, advervio, etc e prestar atención as indicacións da profesora. No meu caso a oda resultante foi esta: 

Bag
Useful, brown
Next to me
Bag
Containing stuff
Quietly
Next to me
Useful, brown
Medium-sized, fashionable
Bag

Os estudantes poden facelo de calquera obxecto ou incluso animais, e poden lograr resultados do máis divertido, que tamén é algo reseñable: o inglés non é sempre un "tostón".

mércores, 15 de febreiro de 2017

Sesión 24/01/17: explotación a partir dun warm-up, como traballar a partir dunha foto.

Comezamos esta segunda sesión con Luz, cun novo warm-up. Neste caso, a profesora dividiu a clase en dous grupos, por un lado as alumnas de inglés e por outro as de francés. Deunos un anaco de papel a cada grupo e tiñamos que debater que era o que este tiña de especial. Tivemos dous minutos para facelo. Para contabilizar o tempo, a profesora puxo no proxector un cronómetro online, ferramenta que me parece moi útil, xa que deste xeito o/a docente non ten que estar pendente do tempo e pode adicarse a comprobar se os alumnos fan a tarefa correctamente, mentres que os alumnos poden ver canto tempo lles queda en cada momento.



A resposta da actividade era que un dos anacos de papel procedía de excrementos de alce e o outro de papel reciclado a partires de pedra. Esta actividade podería servirnos, por exemplo, para introducir unha unidade didáctica sobre reciclaxe ou medioambiente. Tamén me parece un bo xeito de introducir un pouco de cultura xeral, xa que eu, por exemplo, non tiña nin idea de que se puidese facer papel a partires deses elementos. 

Algunhas das explotacións que se me ocorren a partir deste warm up son, por exemplo, pedirlles aos alumnos que investiguen na casa a partires de que outros elementos se pode obter papel e que plasmen as súas pescudas nunha redacción. 

Outra opción sería mostrarlles algún video relacionado con esta temática, como os que aparecen a continuación: 
  • Opción 1 (4ºESO, xa que é máis sinxelo)



  • Opción 2 (Bacharelato, porque a dificultade é maior)

A partires dos vídeos poderíamos, pedirlles aos rapaces que debatan por parellas ou grupos o o que entenderon e despois poñelo en común co grupo enteiro, plantexarlles unha serie de preguntas sobre o vídeo, facer brainstormings de vocabulario, algún exercicio de completar ocos, etc.

Continuando coa clase de Luz, na seguinte parte sesión, unha das alumnas do grupo fixo a exposición da actividade que a profesora nos pedira que subíramos o blog na sesión anterior (unha actividade na que se traballaran varias competencias). A súa actividade consistía nun Kahoot! Esta ferramenta tamén me parece interesante posto que é algo que os alumnos non están acostumados a facer, polo que lles desperta interese. Tamén conta cun elemento de competición e polo tanto motivación. Ademais, é unha ferramenta que permite "lucirse" a aqueles estudantes máis tímidos que non intervirían na clase se tiveran que dar as respostas en voz alta. Outra vantaxe é que as preguntas poden abarcar calquera tipo de tema polo que podemos utilizalo en infinidade de unidades didácticas. 

Porén, e no que respecta as desvantaxes, pode darse o caso de que falle a conexión a internet, polo que sería convinte ter un plan B. Ademais, se queremos que os alumnos fagan a actividade empregando os seus dispositivos móbiles, pode que precisemos unha autorización do centro. Polo que a min respecta, Kahoot! pareceme unha ferramenta innovadora que empregarei nas miñas prácticas e futuro profesional, se teño a oportunidade.

Nesta sesión tamén aprendemos un pouco máis sobre as actividades de expresión oral. Reflexionamos por exemplo acerca de como traballar a lingua estranxeira a través dunha foto. Calquera foto pode ser útil pero é mellor se personalizamos a actividade empregando unha na que apareza a propia profesora, como foi o caso da imaxe que nos mostrou Luz. Isto fai que os estudantes queiran saber máis sobre a docente porque lles pica a curiosidade, polo que se animan máis a preguntar. 

Unha parte da sesión que me resultou curiosa foi cando Luz nos entregou un crucigrama no que aparecía un dato sobre cada unha de nós. Aproveitou a actividade para demostrarnos dúas cousas. Por un lado que sempre hai que darlles aos alumnos indicacións do que teñen que facer. Ela non o fixo nesta actividade polo que ao comezo todas estabamos un pouco perdidas. 



Por outro lado, en cada unha das follas a profesora pegou un post-it de color (rosa, verde, azul e amarelo). Nós descoñecíamos cal era a función ata que, pasado un rato, nos mandou poñernos por grupos con aquelas persoas que tiñan a mesma cor ca nós. Posteriormente, refixo os grupo indicandonnos que nesta ocasión nos puxeramos unha persoa de cada cor por grupo. É dicir, aprendemos un xeito de formar grupos de traballo sen facer demasiado ruído e de maneira que varíen os componentes. 

En resumo, foi unha sesión que me gustou moito e grazas a que aprendín que todo tipo de elementos nos poden resultar útiles na aula de inglés (dende un papel, pasando por unha foto, ata uns cantos post-it).

sábado, 11 de febreiro de 2017

Sesión 23/01/2017: A avaliación


Nesta última sesión con Carlos o tema tratado foi a avaliación. Comezamos a clase realizando unha actividade piramidal na que tiñamos que falar de cousas negativas que nos pasaran ao longo da nosa experiencia como aprendentes, nos procesos de avaliación. No meu grupo mencionáronse as seguintes:
  • Falta de rúbricas
  • Exames que non se correspondían co contido impartido nas aulas
  • Audios que non se escoitaban ben en probas de listening
  • Profesores que lle daban máis importancia ao formato ou data de entrega do traballo que ao traballo en si
  • Exames con moitos exercicios para facer en pouco tempo
  • Non realización de exames orais
  • Exames de catro ou máis horas de duración
  • Ridiculización dos erros
Non cabe dúbida de que como alumnas todas sufrimos algunha ou varias destas malas praxes. Ademais, sei de primeira man que non se trata dunha cousa do pasado, pois hoxe en día os meus alumnos de clases particulares seguen queixándose de que lles entran nos exames contidos que non se lles explicaron, de que os exames que lles poñen son moi longos, etc. A miña opinión ao respecto é que, como ben di o dito, "o que non queiras para ti non o queiras para ninguén". Polo tanto, como docente farei o que estea na miña man para non repetir estes erros.

Nesta sesión aprendemos que a avaliación se rixe por tres principios, que son:
  1. Validez: O que o docente avalía ten que o que os alumnos aprenderon.
  2. Fiabilidade: Dous estudantes do mesmo nivel terán o mesmo resultado coas mesmas probas. Se non é así, estamos aplicando mal os criterios.
  3. Factibilidade: cómpre ter en conta que temos que ter tempo para avaliar o que pretendemos. Se lles pedimos aos estudantes que entreguen moitos traballos, teremos que ter tempo para avalialos.
Tamén aprendemos que segundo quen realiza a avaliación esta pode ser: autoavaliación, realizada polo propio estudante; coavaliación, os estudantes avalíanse entre si; e heteroavaliación, o profesor realiza a avaliación. Todos estes tipos de avaliación teñen as súas vantaxes e desvantaxes, No caso da autoavaliación, por exemplo, unha desvantaxe é que hai que usala con tino, posto que pode non ser fiable. En canto as vantaxes, grazas a ela o estudante desenvolve as capacidades metacognitivas.

Coñecemos tamén durante a sesión qué ferramentas podemos empregar para avaliar a expresión oral. Estas son: a lista de control, a grade de avaliación e a folla de observación. Persoalmente, ata esta sesión só escoitara falar da grade avaliación, polo que me pareceu interesante coñecer as outras ferramentas. Sen dúbida, penso que debería ser unha práctica común mostrarlles estas ferramentas aos estudantes antes de avalialos, para que teñan algo ao que "agarrarse" cando preparan os exames, así como á hora de facer unha reclamación por unha nota que consideren inxusta. Como docentes, este tipo de ferramentas axúdannos a ser máis imparciais.

Gustaríame rematar a entrada de hoxe reflexionando acerca da avaliación ao alumnado con necesidades específicas. Como profesores debemos ter en conta as caracteristicas de cada un destes aprendentes e adaptar as avaliacións que lles realizamos, de maneira que a avaliación resulte xusta. Do contrario, caeremos no seguinte erro.




Qué opinades?


mércores, 1 de febreiro de 2017

Actividade a partir dunha foto


PENGUINS IN THE JUNGLE



Nivel2º ciclo da ESO
Duración20-30 minutos
MaterialesFotos impresas
Grupos3-4 persoas

1. Pedímoslles aos alumnos que se dividan en grupos de 3 ou 4 persoas.

2. Repartimos unha foto para cada grupo e damoslles 2 minutos para para pensar se a foto é verdadeira ou falsa e por que pensan así. Poderíamos empregar un cronómetro online, para supervisar que todos os grupos estean traballando e non ter que estar pendentes do tempo.
3. Preguntamos a cada grupo cal é a súa resposta é anotamos no encerado por que opinan que a foto é falsa/ verdadeira. Un membro de cada grupo anota as respostas.
4. Cando estean todas as respostas anotadas, revelamos que a foto é verdadeira.
5. Pedímoslles aos alumnos que pensen por que os pingüíns están nunha xungla. Que motivos poden ter para estar ai? (2 minutos).
6. Volvemos a anotar no encerado as posibles razóns. Vixiamos que os voceiros e as persoas que escriben non sexan as mesmas que antes.
7. Revelamos a resposta final.

Estes pingüíns son de Nova Zelanda e van a unha illa para poñer os seus ovos, xa que alí non hai ningún depredador natural.

Ampliación persoal

A partir desta actividade, poderíamos pedirlles aos alumnos que elaboren un cómic da foto, indicando como chegaron ata alí os pingüíns, que pasou despois da imaxe...etc. Podería facerse unha exposición cos cómics resultantes na aula.