xoves, 9 de marzo de 2017

Debate final

Esta derradeira sesión, comezou coma sempre cun warm-up (está claro que as boas costumes non hai que perdelas). Neste caso o warm-up pareceume moi divertido. Chámase "talking to a martian" e consiste que o profesor se mete na pel dun marcián e pídelle a un estudante que lle explique qué é un determinado obxecto. Por exemplo, un bolígrafo. O marcián pregunta: "Que é un bolígrafo? "O estudante comezará dicindo: "é unha cousa que serve para..." E o profesor contestaralle: "Qué e unha cousa?" e así sucesivamente.

Tras este quentamento comezou o debate no que se trataron tres temas: deberes si ou non, uso de móbiles nas aulas e uso de TICs.

En canto aos deberes houbo opinións para todos os gustos. Desde xente que opinaba que é necesario mandar moitos, pasando por outros que opinaban que os deberes son necesarios pero na súa xusta medida ata outra xente que se posicionaba totalmente en contra dos deberes. Na miña opinión os deberes son un elemento necesario no proceso de ensinanza-aprendizaxe. Eu mesma os emprego nas miñas clases particulares. Paréceme que as horas de clase non son suficientes para que os estudantes adquiran os coñecementos que deben adquirir. Porén, si que me parece primordial que haxa unha boa cordinación entre o profesorado de todas as materias, de tal xeito que se un día o profesor de matemáticas vai poñer deberes, non poña deberes tamén o de bioloxía, a de lingua, a de sociais etc. En canto aos deberes da asignatura de inglés, hai certas tarefas que sería unha perda de tempo facer en clase, como poden ser os writings.

No tocante ao uso de móbiles en clase tamén houbo opinións variadas. Algunha xente dixo que permitiría o uso dos teléfonos na aula en todo momento, outros que o permitirían só en momentos puntuais e outros que non o permitirían nunca. Eu posiciónome a favor da utilización do móbil, mais só en momentos puntuais, como pode ser a realización dun Kahoot. A verdade é que me parece un disparate permitir que os rapaces empreguen o móbil en todo momento porque vexo moi difícil controlar que lle estean a dar un uso correcto (e non navegando polas redes sociais). Por outro lado, paréceme que hoxe en día os rapaces xa viven suficientemente enganchados aos teléfonos móbiles como para que tamén lles permitamos usalos nas aulas. Un pouco de desconexión non lles vén nada mal.

No referente ao uso das TIC, tamén se escoitaron voces moi pro TICs e voces totalmente en contra. Eu creo que as TICs nos ofrecen infinidade de posibilidades para a nosa labor docente, pero é necesario aprender a usalas. Isto será o que teremos que facer cando comecemos a nosa andadura profesional, posto que, nun mundo no que as TICs teñen tanta presenza, sería ridículo que nós lle deramos a espalda. Será parte do noso traballo actualizarnos constantemente para estar ao día e sacarlle o máximo partido as novas ferramentas que vaian aparecendo.


sábado, 4 de marzo de 2017

Sesión 31/01/17: Comprensión escrita

Esta sesión comezou cun novo warm-up. Neste caso Ana propúxonos cinco situacións e nós tiñamos que decidir cal atenderíamos primeiro en caso de que todas aconteceran a un tempo. As situacións eran as seguintes:

  • The baby is crying
  • The phone is ringing
  • The doorbell is ringing
  • The clothes are hanging outside and it has started to rain
  • The water is running from the tap.












Resulta que en función de cal escollas atender primeiro, quedará patente o que é máis importante para ti na vida. Se escolles atender o bebé, o máis importante para ti é a familia, se escolles o teléfono a túa prioridade é o traballo, se atendes primeiro a porta, a túa prioridade son os amigos, se escolles rescatar a roupa a túa prioridade son os cartos e se te decantas por atender o fregadeiro o máis importante na túa vida é o amor/sexo. Gustoume moito esta actividade. Paréceme dinámica, divertida e que da bastante xogo á hora de que os estudantes practiquen a expresión oral. 

Outra actividade que vimos na sesión foi o "Three minutes test". Trátase dunha serie de ordes que se supón que hai que rematar de facer en 3 minutos. A lección que lles podemos ensinar aos estudantes mediante este xogo é a importancia de ler os enunciados con atención, antes de meterse de cheo a facer as actividades, xa que o test comeza e finaliza coas seguinte frases: 

1. Read everything carefully.
2. Put your name in the upper right hand corner of this paper.
3 Circle the word name in the second sentence.
(...)
20. Now that you have finished reading carefully the 20 questions, do only questions 1 and 2. 

Así pois, queda moi patente con esta actividade o útil que resulta invertir un pouco de tempo lendo ben os enunciados antes de comezar a realizar unha proba/actividade.

Nesta sesión tamén vimos unha actividade que pode resultar moi útil para demostrarlles aos alumnos que non é necesario entender todas e cada unha das palabras do texto para comprender o seu significado global. O que importa é o que nos preguntan e saber responder ao que nos preguntan. A profe deunos dous pequenos textos que supostamente contiñan palabras en cokney (un dialecto londinense) e tiñamos que dicir que medio de transporte empregaba cada unha das persoas. Estes son os textos:

1.- Mr. Brown is a spranteer. He has to go on a business seave. He gets up early and puts on a black suit and a green pire. Before leaving, he treckles that he has his credit card on him and he recages that he has slotten it in his office, but it doesn´t krink because motorways in Britain are slie. 
 
2.-Jane Walters lives in London. She is going to Mark´s & Spencer´s to buy some new wenges for the children´s bedroom. Before leaving, she treckles that she has her teys in her bag, a journey planner and her monthly ticket. 
 
Resulta que as palabras non eran dun dialecto londinense senón que as inventou Ana. O número de palabras en "cockney" é considerable mais, aínda así, todas nós fumos quen de averiguar que Mr Brown viaxa en coche ou moto e Jane Walters en transporte público. Polo tanto, a lección está clara. Tamén me parece unha actividade do máis interesante sobre todo de cara a concienciar aos alumnos de 2º de Bacharelato, que tanto medo lle teñen a non ser capaces de entender os textos na selectividade.