xoves, 9 de marzo de 2017

Debate final

Esta derradeira sesión, comezou coma sempre cun warm-up (está claro que as boas costumes non hai que perdelas). Neste caso o warm-up pareceume moi divertido. Chámase "talking to a martian" e consiste que o profesor se mete na pel dun marcián e pídelle a un estudante que lle explique qué é un determinado obxecto. Por exemplo, un bolígrafo. O marcián pregunta: "Que é un bolígrafo? "O estudante comezará dicindo: "é unha cousa que serve para..." E o profesor contestaralle: "Qué e unha cousa?" e así sucesivamente.

Tras este quentamento comezou o debate no que se trataron tres temas: deberes si ou non, uso de móbiles nas aulas e uso de TICs.

En canto aos deberes houbo opinións para todos os gustos. Desde xente que opinaba que é necesario mandar moitos, pasando por outros que opinaban que os deberes son necesarios pero na súa xusta medida ata outra xente que se posicionaba totalmente en contra dos deberes. Na miña opinión os deberes son un elemento necesario no proceso de ensinanza-aprendizaxe. Eu mesma os emprego nas miñas clases particulares. Paréceme que as horas de clase non son suficientes para que os estudantes adquiran os coñecementos que deben adquirir. Porén, si que me parece primordial que haxa unha boa cordinación entre o profesorado de todas as materias, de tal xeito que se un día o profesor de matemáticas vai poñer deberes, non poña deberes tamén o de bioloxía, a de lingua, a de sociais etc. En canto aos deberes da asignatura de inglés, hai certas tarefas que sería unha perda de tempo facer en clase, como poden ser os writings.

No tocante ao uso de móbiles en clase tamén houbo opinións variadas. Algunha xente dixo que permitiría o uso dos teléfonos na aula en todo momento, outros que o permitirían só en momentos puntuais e outros que non o permitirían nunca. Eu posiciónome a favor da utilización do móbil, mais só en momentos puntuais, como pode ser a realización dun Kahoot. A verdade é que me parece un disparate permitir que os rapaces empreguen o móbil en todo momento porque vexo moi difícil controlar que lle estean a dar un uso correcto (e non navegando polas redes sociais). Por outro lado, paréceme que hoxe en día os rapaces xa viven suficientemente enganchados aos teléfonos móbiles como para que tamén lles permitamos usalos nas aulas. Un pouco de desconexión non lles vén nada mal.

No referente ao uso das TIC, tamén se escoitaron voces moi pro TICs e voces totalmente en contra. Eu creo que as TICs nos ofrecen infinidade de posibilidades para a nosa labor docente, pero é necesario aprender a usalas. Isto será o que teremos que facer cando comecemos a nosa andadura profesional, posto que, nun mundo no que as TICs teñen tanta presenza, sería ridículo que nós lle deramos a espalda. Será parte do noso traballo actualizarnos constantemente para estar ao día e sacarlle o máximo partido as novas ferramentas que vaian aparecendo.


sábado, 4 de marzo de 2017

Sesión 31/01/17: Comprensión escrita

Esta sesión comezou cun novo warm-up. Neste caso Ana propúxonos cinco situacións e nós tiñamos que decidir cal atenderíamos primeiro en caso de que todas aconteceran a un tempo. As situacións eran as seguintes:

  • The baby is crying
  • The phone is ringing
  • The doorbell is ringing
  • The clothes are hanging outside and it has started to rain
  • The water is running from the tap.












Resulta que en función de cal escollas atender primeiro, quedará patente o que é máis importante para ti na vida. Se escolles atender o bebé, o máis importante para ti é a familia, se escolles o teléfono a túa prioridade é o traballo, se atendes primeiro a porta, a túa prioridade son os amigos, se escolles rescatar a roupa a túa prioridade son os cartos e se te decantas por atender o fregadeiro o máis importante na túa vida é o amor/sexo. Gustoume moito esta actividade. Paréceme dinámica, divertida e que da bastante xogo á hora de que os estudantes practiquen a expresión oral. 

Outra actividade que vimos na sesión foi o "Three minutes test". Trátase dunha serie de ordes que se supón que hai que rematar de facer en 3 minutos. A lección que lles podemos ensinar aos estudantes mediante este xogo é a importancia de ler os enunciados con atención, antes de meterse de cheo a facer as actividades, xa que o test comeza e finaliza coas seguinte frases: 

1. Read everything carefully.
2. Put your name in the upper right hand corner of this paper.
3 Circle the word name in the second sentence.
(...)
20. Now that you have finished reading carefully the 20 questions, do only questions 1 and 2. 

Así pois, queda moi patente con esta actividade o útil que resulta invertir un pouco de tempo lendo ben os enunciados antes de comezar a realizar unha proba/actividade.

Nesta sesión tamén vimos unha actividade que pode resultar moi útil para demostrarlles aos alumnos que non é necesario entender todas e cada unha das palabras do texto para comprender o seu significado global. O que importa é o que nos preguntan e saber responder ao que nos preguntan. A profe deunos dous pequenos textos que supostamente contiñan palabras en cokney (un dialecto londinense) e tiñamos que dicir que medio de transporte empregaba cada unha das persoas. Estes son os textos:

1.- Mr. Brown is a spranteer. He has to go on a business seave. He gets up early and puts on a black suit and a green pire. Before leaving, he treckles that he has his credit card on him and he recages that he has slotten it in his office, but it doesn´t krink because motorways in Britain are slie. 
 
2.-Jane Walters lives in London. She is going to Mark´s & Spencer´s to buy some new wenges for the children´s bedroom. Before leaving, she treckles that she has her teys in her bag, a journey planner and her monthly ticket. 
 
Resulta que as palabras non eran dun dialecto londinense senón que as inventou Ana. O número de palabras en "cockney" é considerable mais, aínda así, todas nós fumos quen de averiguar que Mr Brown viaxa en coche ou moto e Jane Walters en transporte público. Polo tanto, a lección está clara. Tamén me parece unha actividade do máis interesante sobre todo de cara a concienciar aos alumnos de 2º de Bacharelato, que tanto medo lle teñen a non ser capaces de entender os textos na selectividade. 


mércores, 22 de febreiro de 2017

Sesión 26/01/2017: Actividades de expresión escrita


Esta terceira sesión con Luz tratou sobre as actividades de expresión escrita, unha destreza que sen dúbida se lle "atraganta" a moitos alumnos. Eu penso que se debe, por un lado, a que en moitos casos todo o feedback que reciben é un papel cheo de correccións en vermello e, por outro lado, a que sempre teñen que facer o mesmo tipo de actividade do estilo "fala da comida do teu país" ou "describe a túa familia", co cal non se motivan.  

Por outra banda, moitos estudantes non saben redactar correctamente na súa lingua inicial. Polo tanto, difícilmente van saber facelo na lingua estranxeira. O tema está en que nós, como profesores de LE non temos o tempo suficiente para ensinarlles a facelo. Polo tanto, é un asunto bastante complexo. 

Volvendo á sesión de Luz, comezámola reflexionando sobre qué tipos de actividades de expresión escrita facemos na vida cotiá. Algunhas delas son: 

  • exames
  • listas da compra
  • emails,cartas
  • diario
  • resumos
O primeiro que convén ter claro con respecto as actividades de expresión escrita é que non lles podemos mandar aos estudantes que fagan unha redacción de deberes así se máis (unha práctica moi extendida), senón que antes temos que traballar con eles o vocabulario na aula, xa sexa mediante brainstormings ou realizando unha actividade de expresión oral que teña continuidade na escrita, por exemplo.

Ao longo Luz da sesión, Luz deunos unha serie de ideas de actividades de expresión escrita, das cales sen dúbida aproveitarei máis de unha, tanto nas prácticas como na vida laboral como docente. A continuación recopilo algunhas:
  • Pedirlles aos alumnos que elaboren unha redacción de presentación dicindo quenes son, que experiencia teñen co inglés e que queren facer no futuro. Podemos empregar esta actividade para facer unha avaliación inicial xa que sen sabelo, os estudantes empregarán os tempos verbais de pasado, presente e futuro.
  • Darlles aos alumnos unha historia difícil de explicar e pedirlles que o fagan por escrito. Por exemplo: Que facias onte trepando pola casa dos teus veciños?
  • Ofrecerlles a posibilidade de que escriban unha reseña dun libro ou película para o blogue do instituto ou un artigo para e revista e sumarlle un punto positivo de cara a avaliación aos que participen.
  • Pedirlles que fagan un scrapbook (libro de recortes), e que describan nunhas liñas as cousas que inclúen nel.
  • Mandarlles facer un resumo, sen esquecer que primeiro teñen que saber facer facelo, polo que será tarefa nosa mostrarlles como.
Unha das actividades da clase que máis me gustou foi a elaboración dunha oda a un obxecto. É un exercicio co que, ademais de practicar a expresión escrita, os estudantes poderán ver o sinxelo que pode resultar escribir poesía. O único que precisarán será pensar nun obxecto, coñecer a diferenza entre substantivo, adxectivo, advervio, etc e prestar atención as indicacións da profesora. No meu caso a oda resultante foi esta: 

Bag
Useful, brown
Next to me
Bag
Containing stuff
Quietly
Next to me
Useful, brown
Medium-sized, fashionable
Bag

Os estudantes poden facelo de calquera obxecto ou incluso animais, e poden lograr resultados do máis divertido, que tamén é algo reseñable: o inglés non é sempre un "tostón".

mércores, 15 de febreiro de 2017

Sesión 24/01/17: explotación a partir dun warm-up, como traballar a partir dunha foto.

Comezamos esta segunda sesión con Luz, cun novo warm-up. Neste caso, a profesora dividiu a clase en dous grupos, por un lado as alumnas de inglés e por outro as de francés. Deunos un anaco de papel a cada grupo e tiñamos que debater que era o que este tiña de especial. Tivemos dous minutos para facelo. Para contabilizar o tempo, a profesora puxo no proxector un cronómetro online, ferramenta que me parece moi útil, xa que deste xeito o/a docente non ten que estar pendente do tempo e pode adicarse a comprobar se os alumnos fan a tarefa correctamente, mentres que os alumnos poden ver canto tempo lles queda en cada momento.



A resposta da actividade era que un dos anacos de papel procedía de excrementos de alce e o outro de papel reciclado a partires de pedra. Esta actividade podería servirnos, por exemplo, para introducir unha unidade didáctica sobre reciclaxe ou medioambiente. Tamén me parece un bo xeito de introducir un pouco de cultura xeral, xa que eu, por exemplo, non tiña nin idea de que se puidese facer papel a partires deses elementos. 

Algunhas das explotacións que se me ocorren a partir deste warm up son, por exemplo, pedirlles aos alumnos que investiguen na casa a partires de que outros elementos se pode obter papel e que plasmen as súas pescudas nunha redacción. 

Outra opción sería mostrarlles algún video relacionado con esta temática, como os que aparecen a continuación: 
  • Opción 1 (4ºESO, xa que é máis sinxelo)



  • Opción 2 (Bacharelato, porque a dificultade é maior)

A partires dos vídeos poderíamos, pedirlles aos rapaces que debatan por parellas ou grupos o o que entenderon e despois poñelo en común co grupo enteiro, plantexarlles unha serie de preguntas sobre o vídeo, facer brainstormings de vocabulario, algún exercicio de completar ocos, etc.

Continuando coa clase de Luz, na seguinte parte sesión, unha das alumnas do grupo fixo a exposición da actividade que a profesora nos pedira que subíramos o blog na sesión anterior (unha actividade na que se traballaran varias competencias). A súa actividade consistía nun Kahoot! Esta ferramenta tamén me parece interesante posto que é algo que os alumnos non están acostumados a facer, polo que lles desperta interese. Tamén conta cun elemento de competición e polo tanto motivación. Ademais, é unha ferramenta que permite "lucirse" a aqueles estudantes máis tímidos que non intervirían na clase se tiveran que dar as respostas en voz alta. Outra vantaxe é que as preguntas poden abarcar calquera tipo de tema polo que podemos utilizalo en infinidade de unidades didácticas. 

Porén, e no que respecta as desvantaxes, pode darse o caso de que falle a conexión a internet, polo que sería convinte ter un plan B. Ademais, se queremos que os alumnos fagan a actividade empregando os seus dispositivos móbiles, pode que precisemos unha autorización do centro. Polo que a min respecta, Kahoot! pareceme unha ferramenta innovadora que empregarei nas miñas prácticas e futuro profesional, se teño a oportunidade.

Nesta sesión tamén aprendemos un pouco máis sobre as actividades de expresión oral. Reflexionamos por exemplo acerca de como traballar a lingua estranxeira a través dunha foto. Calquera foto pode ser útil pero é mellor se personalizamos a actividade empregando unha na que apareza a propia profesora, como foi o caso da imaxe que nos mostrou Luz. Isto fai que os estudantes queiran saber máis sobre a docente porque lles pica a curiosidade, polo que se animan máis a preguntar. 

Unha parte da sesión que me resultou curiosa foi cando Luz nos entregou un crucigrama no que aparecía un dato sobre cada unha de nós. Aproveitou a actividade para demostrarnos dúas cousas. Por un lado que sempre hai que darlles aos alumnos indicacións do que teñen que facer. Ela non o fixo nesta actividade polo que ao comezo todas estabamos un pouco perdidas. 



Por outro lado, en cada unha das follas a profesora pegou un post-it de color (rosa, verde, azul e amarelo). Nós descoñecíamos cal era a función ata que, pasado un rato, nos mandou poñernos por grupos con aquelas persoas que tiñan a mesma cor ca nós. Posteriormente, refixo os grupo indicandonnos que nesta ocasión nos puxeramos unha persoa de cada cor por grupo. É dicir, aprendemos un xeito de formar grupos de traballo sen facer demasiado ruído e de maneira que varíen os componentes. 

En resumo, foi unha sesión que me gustou moito e grazas a que aprendín que todo tipo de elementos nos poden resultar útiles na aula de inglés (dende un papel, pasando por unha foto, ata uns cantos post-it).

sábado, 11 de febreiro de 2017

Sesión 23/01/2017: A avaliación


Nesta última sesión con Carlos o tema tratado foi a avaliación. Comezamos a clase realizando unha actividade piramidal na que tiñamos que falar de cousas negativas que nos pasaran ao longo da nosa experiencia como aprendentes, nos procesos de avaliación. No meu grupo mencionáronse as seguintes:
  • Falta de rúbricas
  • Exames que non se correspondían co contido impartido nas aulas
  • Audios que non se escoitaban ben en probas de listening
  • Profesores que lle daban máis importancia ao formato ou data de entrega do traballo que ao traballo en si
  • Exames con moitos exercicios para facer en pouco tempo
  • Non realización de exames orais
  • Exames de catro ou máis horas de duración
  • Ridiculización dos erros
Non cabe dúbida de que como alumnas todas sufrimos algunha ou varias destas malas praxes. Ademais, sei de primeira man que non se trata dunha cousa do pasado, pois hoxe en día os meus alumnos de clases particulares seguen queixándose de que lles entran nos exames contidos que non se lles explicaron, de que os exames que lles poñen son moi longos, etc. A miña opinión ao respecto é que, como ben di o dito, "o que non queiras para ti non o queiras para ninguén". Polo tanto, como docente farei o que estea na miña man para non repetir estes erros.

Nesta sesión aprendemos que a avaliación se rixe por tres principios, que son:
  1. Validez: O que o docente avalía ten que o que os alumnos aprenderon.
  2. Fiabilidade: Dous estudantes do mesmo nivel terán o mesmo resultado coas mesmas probas. Se non é así, estamos aplicando mal os criterios.
  3. Factibilidade: cómpre ter en conta que temos que ter tempo para avaliar o que pretendemos. Se lles pedimos aos estudantes que entreguen moitos traballos, teremos que ter tempo para avalialos.
Tamén aprendemos que segundo quen realiza a avaliación esta pode ser: autoavaliación, realizada polo propio estudante; coavaliación, os estudantes avalíanse entre si; e heteroavaliación, o profesor realiza a avaliación. Todos estes tipos de avaliación teñen as súas vantaxes e desvantaxes, No caso da autoavaliación, por exemplo, unha desvantaxe é que hai que usala con tino, posto que pode non ser fiable. En canto as vantaxes, grazas a ela o estudante desenvolve as capacidades metacognitivas.

Coñecemos tamén durante a sesión qué ferramentas podemos empregar para avaliar a expresión oral. Estas son: a lista de control, a grade de avaliación e a folla de observación. Persoalmente, ata esta sesión só escoitara falar da grade avaliación, polo que me pareceu interesante coñecer as outras ferramentas. Sen dúbida, penso que debería ser unha práctica común mostrarlles estas ferramentas aos estudantes antes de avalialos, para que teñan algo ao que "agarrarse" cando preparan os exames, así como á hora de facer unha reclamación por unha nota que consideren inxusta. Como docentes, este tipo de ferramentas axúdannos a ser máis imparciais.

Gustaríame rematar a entrada de hoxe reflexionando acerca da avaliación ao alumnado con necesidades específicas. Como profesores debemos ter en conta as caracteristicas de cada un destes aprendentes e adaptar as avaliacións que lles realizamos, de maneira que a avaliación resulte xusta. Do contrario, caeremos no seguinte erro.




Qué opinades?


mércores, 1 de febreiro de 2017

Actividade a partir dunha foto


PENGUINS IN THE JUNGLE



Nivel2º ciclo da ESO
Duración20-30 minutos
MaterialesFotos impresas
Grupos3-4 persoas

1. Pedímoslles aos alumnos que se dividan en grupos de 3 ou 4 persoas.

2. Repartimos unha foto para cada grupo e damoslles 2 minutos para para pensar se a foto é verdadeira ou falsa e por que pensan así. Poderíamos empregar un cronómetro online, para supervisar que todos os grupos estean traballando e non ter que estar pendentes do tempo.
3. Preguntamos a cada grupo cal é a súa resposta é anotamos no encerado por que opinan que a foto é falsa/ verdadeira. Un membro de cada grupo anota as respostas.
4. Cando estean todas as respostas anotadas, revelamos que a foto é verdadeira.
5. Pedímoslles aos alumnos que pensen por que os pingüíns están nunha xungla. Que motivos poden ter para estar ai? (2 minutos).
6. Volvemos a anotar no encerado as posibles razóns. Vixiamos que os voceiros e as persoas que escriben non sexan as mesmas que antes.
7. Revelamos a resposta final.

Estes pingüíns son de Nova Zelanda e van a unha illa para poñer os seus ovos, xa que alí non hai ningún depredador natural.

Ampliación persoal

A partir desta actividade, poderíamos pedirlles aos alumnos que elaboren un cómic da foto, indicando como chegaron ata alí os pingüíns, que pasou despois da imaxe...etc. Podería facerse unha exposición cos cómics resultantes na aula.

luns, 30 de xaneiro de 2017

Sesión 19/01/2017: CALL

Nesta sesión, Carlos falounos de CALL (Computed Assisted Language Learning), é dicir, aprendizaxe asistida por computador. Trátase dun tipo de didáctica que se ven empregando desde hai anos, e non só desde o "boom" de internet. A diferencia está en que hoxe en día os cursos deste tipo se fan online mentres que anteriormente se facían a través de CD-ROM. Por aquel entón, os usuarios non podían interactuar con outros usuarios, nin compartir contido. Non cabe dúbida que estes son aspectos moi importantes no que se refire a aprendizaxe de linguas. 

Porén, as TIC non paran de evolucionar e fano ata tal punto que hoxe en día non só podemos compartir contido senón que tamén podemos conversar sen necesidade de contar con outra persoa, utilizando por exemplo os asistentes persoais (Siri). Este é un aspecto que debemos ter moi en conta hoxe en día xa que as TIC nos ofrecen multitude de ferramentas como docentes e tamén como aprendentes de linguas. Podemos sacarlle moito partido as redes sociais, aos programas de videoconferencia tipo Skype, a Youtube, aos MOOC.

No que se refire a CALL, algunhas das súas características son as que seguen:
  • Aprendizaxe ubicua, é dicir, podemos usalo online se o descargamos, por exemplo.
  • Comunicación multimodal:  contido está en diferentes formatos (vídeo, texto...)
  • Aprendizaxe diferenciada: os usuarios poden recibir feedback personalizado, actividades personalizadas.
  • Aprendizaxe colaborativa: non todos os cursos deste tipo o son, pero moitos son sociais, os usuarios axúdanse entre si.
  • Metacognición: ao gardar todo o que vai producindo o usuario pode volver acceder ao contido cando queira e reflexionar sobre el, sobre o que fixo ben e mal, sobre o que melloraría, etc. Isto é ocorre por exemplo cos nosos portfolios. Imos poder acceder a eles cando queiramos.
  • Deseño adaptable aos diferentes dispositivos (móviles, ordenadores, tabletas)
  • A aprendizaxe pode ser síncrona ou asíncrona, é dicir, todos os alumnos ao mesmo tempo ou asíncrona, cada aprendente ao seu propio ritmo. 
En canto ás modalidades pode tratarse de full e-learning, é dicir, que se realiza totalmente de xeito virtual ou blendeb learning, que combina partes online e partes presenciais (sen que teña que ser un 50-50%). No referente aos aprendentes, poden existir clases one-to-one, grupos pequenos e tamén grandes grupos (MOOCs). 

En CALL emprégase a regra do 90-10-1. Isto quere dicir que o 90% do material empregado se recicla doutros anos, o 10% é material novo creado especialmente para ese ano pero que vai na liña do material doutros anos, e o 1% representa un tipo novo/diferente de actividade. 

martes, 24 de xaneiro de 2017

Sesión 17/01/2017: Aprendizaxe por tarefas

A sesión do día 17 de xaneiro estivo adicada á aprendizaxe por tarefas (Task Based Learning, en inglés). Resultoume unha clase interesante xa que, aínda que ao longo do mestrado escoitara falar dela nalgunhas ocasións, ninguén nos explicara en que consistía.

Descubrín que se trata dunha metodoloxía que non se emprega só para a aprendizaxe de linguas, senón que pode ser empregada para outras ramas de coñecemento. Tamén que non é o mesmo aprendizaxe por tarefas e aprendizaxe por proxectos. A aprendizaxe baseada en proxectos require dun maior número de sesións, un maior número de horas, ara levar a cabo a realización do proxecto.

Os principios básicos da aprendizaxe por tarefas son:

1. Andaimaxe (scafolding), é dicir, apoios á aprendizaxe proporcionados polo docente. Algúns exemplos son: reproducir o listening dúas veces no canto dunha para favorecer a comprensión oral, ou reformular cando o estudante comete un erro, para favorecer a expresión oral. Trátase dun elemento obrigatorio na aprendizaxe por tarefas.
2. Dependencia entre as tarefas: por exemplo, se a tarefa consiste en ir a un restaurante, traballaremos con léxico relacionado nas aulas previas.
3. Reciclaxe lingüístico, é dicir, o léxico debe aparecer en varias tarefas para ser aprendido.
4. Integración: os diferentes elementos apréndense nun contexto comunicativo. Se o estudante aprende unha listaxe de vocabulario sen que exista un contexto o máis probable é que sexa un esforzo inútil e o esqueza.
5. Aprendizaxe activa: os estudantes apreden mellor unha lingua cando a empregan realizando unha acción significativa. Por iso, na aprendizaxe por tarefas teñen que realizar actividades que fan os falantes desa lingua, actividades da vida cotiá.
6. Da reprodución á creatividade: os aprendentes deben transitar da reprodución da lingua que están a aprender á creación nesa lingua.
7. Reflexión sobre a aprendizaxe: os aprendentes deben reflexionar sobre o que fixeron e como o fixeron para ser conscientes das estratexias comunicativas, lingüísticas, etc que empregaron e sobre o propio proceso de aprendizaxe (se se motivaron, etc.)

Como exericio de clase tivemos que deseñar a nosa propia tarefa, en grupos.Este exercicio pareceume interesante para poñer en práctica toda a teoría que viramos anteriormente e para facer a clase máis amena, mediante un exercicio de tipo práctico. O meu grupo e máis eu creamos a seguinte tarefa: Un alumno Erasmus busca un piso en Inglaterra. Os alumnos, por grupos, terán que buscar vivendas en plataformas de alugueiro online do país, terán que describir as caracterísiticas da vivenda (prezo, situación, comodidades), terán que expoñer os pros e contras de cada un dos pisos que seleccionen e poñerse dacordo para seleccionar un finalista e concertar unha visita co propietario. A tarefa final sería neste caso o email que lle envían ao propietario.

Carlos comentou o seguinte acerca da nosa proposta: debemos dar andaimaxe aos alumnos (proporcionarlles unha lista de web pechadas, por exemplo), para que así a tarefa non se desmadre. Ademais, dixo que a nosa proposta se trataría máis un proxecto que dunha tarefa, polo tempo necesario para a súa execución.

A continuación vimos os diferentes tipos de actividades que existen, que, segundo David Noonan, son as seguintes:


De novo, fixemos unha actividade práctica na que tiñamos que clasificar unha serie de actividades. Resultoume moi útil para diferenciar cada unha delas. Penso que os exemplos estaban ben traídos.

Para rematar a clase, fixemos unha última actividade práctica, de novo por grupos. Cada un dos membros do grupo tiña que ver un vídeo ou ler un PDF para despois falarlles ao resto do seu contido. No meu caso, tocoume ler o PDF. Pareceume que ilustraba á perfección o que é o enfoque por tarefas.

domingo, 22 de xaneiro de 2017

Sesión 12/01/2017: Tipos de didáctica

Na segunda sesión con Carlos Valcárcel falamos sobre os diferentes tipos de didáctica que existen: 
  • Didáctica da lingua inicial, que no caso do inglés se denomina English as a Mother Tongue (EMT).  
  • Didáctica de linguas segundas, denominada English as a Second Language (ESL), no caso do inglés. 
  • Didáctica da lingua estranxeira, chamada English as a Foreign Language (EFL), no caso do inglés.
  • AICLE/CLIL, que consiste en impartir nunha lingua estranxeira materias que non son de lingua, como historia ou matemáticas.
  • Aprendizaxe precoz de linguas estranxeiras, denominado no caso do inglés English for Very Young Learners.
  • Linguas estranxeiras para fins específicos, en inglés English for Specific Purposes (ESP). Esta sería a didáctica que empregaríamos se por exemplo impartimos un curso sobre o inglés de negocios ou sobre o inglés da medicina.
  • Linguas estranxeiras para seniors (English for Seniors)
Para reflexionar sobre a importancia de empregar a didáctica que mellor se adapte a cada caso concreto fixemos un exercicios que consistía en escoller que didáctica habería que empregar nunha serie de casos:
  1. Na EOI: Didáctica xeneralista ou EFL
  2. Nunha asociación de mulleres viúvas: English for Seniors
  3. Nun ciclo superior de axencia de viaxes: ESP
  4. Materia de ciencias de 4º da ESO dun centro plurilingüe: AICLE
  5. Nunha aula de primaria: English for Young Learners
  6. Nunha escola británica/francesa en Madrid dependente do Ministerio de Asuntos Exteriores dese país: English as a Mother Tongue
  7. UNED: CALL
  8. Nun país africano de lingua oficial inglesa: ESL
Persoalmente, o exercicio resultoume moi útil á hora de interiorizar en qué contextos podemos empregar cada unha das didácticas. Considero que isto é algo que, como docentes, debemos ter moi en conta á hora de preparar e impartir as nosas clases. 
Desde a miña experiencia como profesora particular, era consciente de que non podo empregar o mesmo tipo de didáctica se lle dou clase a un rapaz de primaria que se lle dou clase a un alumno adulto da EOI.

Porén, descoñecía a existencia dun tipo de didáctica para ensinar linguas estranxeiras ás persoas maiores (seniors), por exemplo. O que mencionou Carlos a este respecto paréceme totalmente certo: dado que moitas persoas maiores apenas foron a escola, terán dificultades para ler e escribir. Polo tanto, se nos atopamos cun curso destas características teremos que impartir as nosas clases totalmente (ou case) de maneira oral, e renunciar ao uso de papel, xa que isto ralentizaría, ou incluso faría imposible o avance da clase. 

A continuación, fixemos outro exercicio por parellas no que se nos plantexaba o seguinte: recibimos unha chamada desde a Consellería de Educación na que se nos comunica que mañá temos que ir facer unha sustitución a un instituto. Que factores debemos ter en conta? A miña compañeira e máis eu chegamos á seguinte conclusión: o contexto do instituto (tipo de centro), a atención á diversidade e a programación (en qué punto da materia están). Non andivemos demasiado lonxe xa que o que se debe ter en conta é: as características dos alumnos, as características do centro e os obxectivos.

Por útlimo, realizamos de novo unha actividade por parellas, neste caso para reflexionar acerca de como adoitamos facer cada un de nós corrección de erros escritos. Eu considero que o erro forma parte da aprendizaxe e que polo tanto é importante prestarlles a atención. Concordo con Carlos en canto ao contraproducente que pode resultar correxilos en cor vermella, xa que pode que desmotivemos ao alumno. Quizais sexa máis adecuado establecer un código de cores, no que os erros de gramática se corrixan en verde, os de estructuras en amarelo...etc. Outra técnica que me parece axeitado empregar é a de indicarlle ao estudante os erros, pero darlle a oportunidade de corrixilos el mesmo.

En canto aos erros que os estudantes cometen a nivel oral non me parece convinte interromper o estudante cada vez que comete un. O que eu acostumo facer cos meus estudantes de clases particulares e ir anotando os erros que cometen e comentarllos todos unha vez rematado o exercicio. Se interrompemos ao alumno cada vez que comete un erro, o que imos conseguir é que gañe inseguridade e que perda fluidez. O que está máis que claro é que en ningún caso podemos ignorar os erros, e deixar que o estudante os siga a cometer.



sábado, 21 de xaneiro de 2017

Primeira clase con Carlos Valcarcel (10/01/2017)

Na pimeira clase co profesor Carlos Valcarcel, o docente explicounos os contidos que imos ver na materia, como van ser as clases e como imos ser avaliados. Temén tivemos a oportunidade de presentarnos ante a clase e dicir cales son as nosas expectativas profesionais no curto prazo.

A continuación, fixemos un exercicio por parellas para reflexionar sobre as diferenzas e semellanzas entre a lingua inicial e a lingua estranxeira. Logo, puxemos en común as nosas opinións con todo o grupo e chegamos á conclusión de que a lingua materna é adquirida, mentres que para a lingua estranxeira é preciso unha aprendizaxe guiada. Ademais, concluímos que a aprendizaxe da lingua materna se realiza de xeito involuntario e a da lingua estranxeira de xeito voluntario, polo que é indispensable un compoñente de motivación (adquirir un mellor status social e/ou económico). En canto as semellanzas, concluímos que ambas serven para comunicarse.

Despois, Carlos explicounos as diferentes denominacións que lle podemos dar a unha lingua, en función do contexto de adquisición. Existen a lingua inicial/ materna, a lingua segunda, e a lingua estranxeira. Grazas a esta explicación descubrín un concepto do que non escoitara falar ata entón: as linguas segundas. Unha lingua segunda é aquela que se fala na comunidade na que vive o falante pero que este aprende despois da lingua inicial. Unha lingua segunda sería, por exemplo, o galego para aqueles estudantes cuxa lingua inicial é o castelán e que aprenden o galego na escola ou o inglés para os fillos de latinoamericanos que emigran aos EUA.


Isto foi algo que me chamou moito a atención xa que, aínda que son consciente de que moitos pais acostuman falarlle en castelán aos seus fillos, o cal desemboca en que moitos rapaces aprenden o galego na escola, non tiña nin idea de que existía unha denominación para este fenómeno.

Tamén me fixo reflexionar un comentario de Carlos sobre a pertinencia ou non do emprego da denominación lingua materna. Esta é a lingua que o falante aprende no fogar, pero en moitas ocasións este non ten nai, ben sexa porque se trate dun fogar monoparental no que so hai pai, porque haxa dous pais, etc. polo que a denominación de materna se atopa fóra de lugar. Por este motivo, considero máis adecuado o emprego dos termos lingua nativa ou inicial.

venres, 20 de xaneiro de 2017

Actividade: Que é a WIFI?

Na entrada do blog de hoxe, preséntovos unha actividade na que se traballan tres das competencias do currículo establecidas pola LOMCE, ademais da lingüística. Trátase da competencia dixital, o sentido da iniciativa e espírito emprendedor e a competencia social e cívica.

Actividade: Qué é a WIFI?

Nivel: Bacharelato. 

O material de traballo será o seguinte vídeo:


En primeiro lugar, a profesora presentaralles aos estudantes unicamente o audio. O primeiro exercicio que terán que facer será anotar nos seus cadernos todos os termos que escoiten, relacionados coas TIC. Unha vez finalicen, a profesora ira anotándoos na pizarra. 

A continuación pediralles aos alumnos que mencionen máis termos do mesmo ámbito que xa coñezan. Deste xeito, a clase en conxunto construirá un brainstorming. Así, os estudantes aprenden os uns dos outros. Neste exericicio, e grazas ao emprego de vocabulario do ámbito das TIC, traballase a competencia dixital.

En segundo lugar, os alumnos terán que completar as oracións do vídeo coas palabras que falten. Terán a oportunidade de velo en dúas ocasións:

Have you ever __________ what in the world is Wifi? 

Well, you are not _________.

Basically Wifi is a term for technology that allows __________to connect the Internet wirelessly. 

In order to use Wifi, you need a wireless _________ that is connected to the Internet. 

This creates a wireless __________. 

When you are in a wireless hotspot, you are _______ to connect to the router and access the internet wirelessly. 

Some devices that use Wifi include computers, tablets, some __________ __________, TVs, Smartphones, and more.

With Wifi it is easy to stay connected withouth the ________of wires. 

Por último, e como traballo para a casa, pediráselles aos alumnos que describan un termo tecnolóxico (a escoller entre os que apareceron no brainstorming). Porén, non se especificará o tipo de exercicio, senón que cada un poderá facelo como desexe (dende un writting, pasando por un audio, un vídeo, o que se lles ocorra). Mediante esta técnica fomentase o sentido da iniciativa e o espírito emprendedor. Ademais, encomendaráselles que leven a cabo este exercicio por parellas, fomentando así a competencia social e cívica, xa que se terán que esforzar por levarse ben cos compañeiros, se queren sacar adiante a tarefa. 

venres, 13 de xaneiro de 2017

Primeira clase con Mª Luz Valencia (09/01/2017): Como traballar as competencias

Na primeira clase que nos impartiu a profesora Mª Luz Valencia, descubrimos a existencia dun tipo de actividades denominadas "Warm up activities", que serven para romper o xeo nunha clase. Ademais, tivemos a oportunidade de coñecer unha serie de actividades que podemos empregar na nosa aula de linguas estranxeiras para traballar as sete competencias básicas do currículo establecidas pola LOMCE.

En canto ás "warm up activities" o exemplo de exercicio que Mª Luz nos mostrou consiste no seguinte: o/a docente escribe no encerado tres frases sobre si mesmo/a, das cales unha é falsa. O estudantado ten que descubrir cal delas o é, mediante a realización dunha serie de preguntas ao docente. Esta actividade serve para que os estudantes se animen a falar, xa que terán curiosidade e quererán saber máis sobre a profesora, practicando deste xeito a expresión oral. Por outra banda, tamén lle pode servir ao docente para realizar unha avaliación inicial (por exemplo, para ver se os discentes empregan ben os tempos verbais).

No referente ás actividades para traballar cada unha das competencias, descubrimos que na aula de linguas estranxeiras se poden traballar todas as competencias, como por exemplo a competencia matemática, que tendemos a asociar con outro tipo de materias. Mª Luz mostrounos as seguintes actividades para traballar as competencias:

  • Competencia en comunicación lingüística: realización dun xogo no que dous estudantes simulan estar nunha tenda, sendo un deles o tendeiro e o outro o cliente. Este último teralle que explicar ao primeiro o que quere mercar sen dicir o nome do obxecto en concreto. Deste xeito o alumno que fai o papel de cliente ten que recorrer as estratexias de compensación, é dicir, á expresión mediante xestos, ao léxico que se atopa almacenado no seu cerebro, etc. Tamén se traballa o uso de formulas sociais (saúdos, por favor...)
  • Competencia matemática: mostrarlles aos alumnos un vídeo no que aparezan contidos como as porcentaxes, os números ordinais e cardinais, as fraccións, para que vexan como se expresan este tipo de aspectos na lingua estranxeira que lles estamos a ensinar. En inglés, por exemplo, non se empregan os números romanos para os séculos, senón os números ordinais. Convén que os estudantes se vaian familiarizando con este tipo de cuestións.
  • Competencia dixital: poderíamos pedirlles aos alumnos que nos envíen un determinado traballo por correo electrónico, en lugar de en formato físico. Deste xeito, propiciamos que empreguen as novas tecnoloxías. Tamén lles podemos falar dos perigos e bondades do tradutor de Google.
  • Competencia aprender a aprender: debemos fomentar a reflexión sobre o propio erro por parte dos estudantes. Isto podemos poñelo en práctica, por exemplo, cando corriximos traballos escritos realizados polos estudantes. Se estes cometen un erro, no canto de poñerlles a resposta correcta, podemos optar por sinalarlles o erro, e darlles pistas para que eles mesmos leven a cabo a corrección.
  • Competencia social e cívica: mostrarlles aos alumnos un vídeo sobre xestos ou accións que poden ser malinterpetadas noutros países. 
  • Sentido da iniciativa e espírito emprendedor: á hora de pedirlles aos alumnos que realicen un determinado traballo, podemos fomentar o seu espírito emprendedor se lles dicimos a temática deste, pero non concretamos o exercicio. Por exemplo, podemos pedirlles que realicen un traballo sobre música (poden desde describir un instrumento musical, ata gravar un audio cantando, pasando por entrevistar a un grupo de música da zona).