Na pimeira clase co profesor Carlos Valcarcel, o docente explicounos os contidos que imos ver na materia, como van ser as clases e como imos ser avaliados. Temén tivemos a oportunidade de presentarnos ante a clase e dicir cales son as nosas expectativas profesionais no curto prazo.
A continuación, fixemos un exercicio por parellas para reflexionar sobre as diferenzas e semellanzas entre a lingua inicial e a lingua estranxeira. Logo, puxemos en común as nosas opinións con todo o grupo e chegamos á conclusión de que a lingua materna é adquirida, mentres que para a lingua estranxeira é preciso unha aprendizaxe guiada. Ademais, concluímos que a aprendizaxe da lingua materna se realiza de xeito involuntario e a da lingua estranxeira de xeito voluntario, polo que é indispensable un compoñente de motivación (adquirir un mellor status social e/ou económico). En canto as semellanzas, concluímos que ambas serven para comunicarse.
Despois, Carlos explicounos as diferentes denominacións que lle podemos dar a unha lingua, en función do contexto de adquisición. Existen a lingua inicial/ materna, a lingua segunda, e a lingua estranxeira. Grazas a esta explicación descubrín un concepto do que non escoitara falar ata entón: as linguas segundas. Unha lingua segunda é aquela que se fala na comunidade na que vive o falante pero que este aprende despois da lingua inicial. Unha lingua segunda sería, por exemplo, o galego para aqueles estudantes cuxa lingua inicial é o castelán e que aprenden o galego na escola ou o inglés para os fillos de latinoamericanos que emigran aos EUA.
Isto foi algo que me chamou moito a atención xa que, aínda que son consciente de que moitos pais acostuman falarlle en castelán aos seus fillos, o cal desemboca en que moitos rapaces aprenden o galego na escola, non tiña nin idea de que existía unha denominación para este fenómeno.
Tamén me fixo reflexionar un comentario de Carlos sobre a pertinencia ou non do emprego da denominación lingua materna. Esta é a lingua que o falante aprende no fogar, pero en moitas ocasións este non ten nai, ben sexa porque se trate dun fogar monoparental no que so hai pai, porque haxa dous pais, etc. polo que a denominación de materna se atopa fóra de lugar. Por este motivo, considero máis adecuado o emprego dos termos lingua nativa ou inicial.

Ningún comentario:
Publicar un comentario