domingo, 22 de xaneiro de 2017

Sesión 12/01/2017: Tipos de didáctica

Na segunda sesión con Carlos Valcárcel falamos sobre os diferentes tipos de didáctica que existen: 
  • Didáctica da lingua inicial, que no caso do inglés se denomina English as a Mother Tongue (EMT).  
  • Didáctica de linguas segundas, denominada English as a Second Language (ESL), no caso do inglés. 
  • Didáctica da lingua estranxeira, chamada English as a Foreign Language (EFL), no caso do inglés.
  • AICLE/CLIL, que consiste en impartir nunha lingua estranxeira materias que non son de lingua, como historia ou matemáticas.
  • Aprendizaxe precoz de linguas estranxeiras, denominado no caso do inglés English for Very Young Learners.
  • Linguas estranxeiras para fins específicos, en inglés English for Specific Purposes (ESP). Esta sería a didáctica que empregaríamos se por exemplo impartimos un curso sobre o inglés de negocios ou sobre o inglés da medicina.
  • Linguas estranxeiras para seniors (English for Seniors)
Para reflexionar sobre a importancia de empregar a didáctica que mellor se adapte a cada caso concreto fixemos un exercicios que consistía en escoller que didáctica habería que empregar nunha serie de casos:
  1. Na EOI: Didáctica xeneralista ou EFL
  2. Nunha asociación de mulleres viúvas: English for Seniors
  3. Nun ciclo superior de axencia de viaxes: ESP
  4. Materia de ciencias de 4º da ESO dun centro plurilingüe: AICLE
  5. Nunha aula de primaria: English for Young Learners
  6. Nunha escola británica/francesa en Madrid dependente do Ministerio de Asuntos Exteriores dese país: English as a Mother Tongue
  7. UNED: CALL
  8. Nun país africano de lingua oficial inglesa: ESL
Persoalmente, o exercicio resultoume moi útil á hora de interiorizar en qué contextos podemos empregar cada unha das didácticas. Considero que isto é algo que, como docentes, debemos ter moi en conta á hora de preparar e impartir as nosas clases. 
Desde a miña experiencia como profesora particular, era consciente de que non podo empregar o mesmo tipo de didáctica se lle dou clase a un rapaz de primaria que se lle dou clase a un alumno adulto da EOI.

Porén, descoñecía a existencia dun tipo de didáctica para ensinar linguas estranxeiras ás persoas maiores (seniors), por exemplo. O que mencionou Carlos a este respecto paréceme totalmente certo: dado que moitas persoas maiores apenas foron a escola, terán dificultades para ler e escribir. Polo tanto, se nos atopamos cun curso destas características teremos que impartir as nosas clases totalmente (ou case) de maneira oral, e renunciar ao uso de papel, xa que isto ralentizaría, ou incluso faría imposible o avance da clase. 

A continuación, fixemos outro exercicio por parellas no que se nos plantexaba o seguinte: recibimos unha chamada desde a Consellería de Educación na que se nos comunica que mañá temos que ir facer unha sustitución a un instituto. Que factores debemos ter en conta? A miña compañeira e máis eu chegamos á seguinte conclusión: o contexto do instituto (tipo de centro), a atención á diversidade e a programación (en qué punto da materia están). Non andivemos demasiado lonxe xa que o que se debe ter en conta é: as características dos alumnos, as características do centro e os obxectivos.

Por útlimo, realizamos de novo unha actividade por parellas, neste caso para reflexionar acerca de como adoitamos facer cada un de nós corrección de erros escritos. Eu considero que o erro forma parte da aprendizaxe e que polo tanto é importante prestarlles a atención. Concordo con Carlos en canto ao contraproducente que pode resultar correxilos en cor vermella, xa que pode que desmotivemos ao alumno. Quizais sexa máis adecuado establecer un código de cores, no que os erros de gramática se corrixan en verde, os de estructuras en amarelo...etc. Outra técnica que me parece axeitado empregar é a de indicarlle ao estudante os erros, pero darlle a oportunidade de corrixilos el mesmo.

En canto aos erros que os estudantes cometen a nivel oral non me parece convinte interromper o estudante cada vez que comete un. O que eu acostumo facer cos meus estudantes de clases particulares e ir anotando os erros que cometen e comentarllos todos unha vez rematado o exercicio. Se interrompemos ao alumno cada vez que comete un erro, o que imos conseguir é que gañe inseguridade e que perda fluidez. O que está máis que claro é que en ningún caso podemos ignorar os erros, e deixar que o estudante os siga a cometer.



1 comentario:

  1. No que respecta á didáctica específica para séniors, mencionas un aspecto moi importante que non debemos perder de vista: o nivel de alfabetización. Pode que teñamos que dar unha clase para séniors cun nivel cultural medio-alto, pero se temos que ensinar unha lingua a aprendentes que se defenden o xusto lendo e escribindo, tocaranos adaptarnos e centrarnos máis na oralidade.

    ResponderEliminar