sábado, 11 de febreiro de 2017

Sesión 23/01/2017: A avaliación


Nesta última sesión con Carlos o tema tratado foi a avaliación. Comezamos a clase realizando unha actividade piramidal na que tiñamos que falar de cousas negativas que nos pasaran ao longo da nosa experiencia como aprendentes, nos procesos de avaliación. No meu grupo mencionáronse as seguintes:
  • Falta de rúbricas
  • Exames que non se correspondían co contido impartido nas aulas
  • Audios que non se escoitaban ben en probas de listening
  • Profesores que lle daban máis importancia ao formato ou data de entrega do traballo que ao traballo en si
  • Exames con moitos exercicios para facer en pouco tempo
  • Non realización de exames orais
  • Exames de catro ou máis horas de duración
  • Ridiculización dos erros
Non cabe dúbida de que como alumnas todas sufrimos algunha ou varias destas malas praxes. Ademais, sei de primeira man que non se trata dunha cousa do pasado, pois hoxe en día os meus alumnos de clases particulares seguen queixándose de que lles entran nos exames contidos que non se lles explicaron, de que os exames que lles poñen son moi longos, etc. A miña opinión ao respecto é que, como ben di o dito, "o que non queiras para ti non o queiras para ninguén". Polo tanto, como docente farei o que estea na miña man para non repetir estes erros.

Nesta sesión aprendemos que a avaliación se rixe por tres principios, que son:
  1. Validez: O que o docente avalía ten que o que os alumnos aprenderon.
  2. Fiabilidade: Dous estudantes do mesmo nivel terán o mesmo resultado coas mesmas probas. Se non é así, estamos aplicando mal os criterios.
  3. Factibilidade: cómpre ter en conta que temos que ter tempo para avaliar o que pretendemos. Se lles pedimos aos estudantes que entreguen moitos traballos, teremos que ter tempo para avalialos.
Tamén aprendemos que segundo quen realiza a avaliación esta pode ser: autoavaliación, realizada polo propio estudante; coavaliación, os estudantes avalíanse entre si; e heteroavaliación, o profesor realiza a avaliación. Todos estes tipos de avaliación teñen as súas vantaxes e desvantaxes, No caso da autoavaliación, por exemplo, unha desvantaxe é que hai que usala con tino, posto que pode non ser fiable. En canto as vantaxes, grazas a ela o estudante desenvolve as capacidades metacognitivas.

Coñecemos tamén durante a sesión qué ferramentas podemos empregar para avaliar a expresión oral. Estas son: a lista de control, a grade de avaliación e a folla de observación. Persoalmente, ata esta sesión só escoitara falar da grade avaliación, polo que me pareceu interesante coñecer as outras ferramentas. Sen dúbida, penso que debería ser unha práctica común mostrarlles estas ferramentas aos estudantes antes de avalialos, para que teñan algo ao que "agarrarse" cando preparan os exames, así como á hora de facer unha reclamación por unha nota que consideren inxusta. Como docentes, este tipo de ferramentas axúdannos a ser máis imparciais.

Gustaríame rematar a entrada de hoxe reflexionando acerca da avaliación ao alumnado con necesidades específicas. Como profesores debemos ter en conta as caracteristicas de cada un destes aprendentes e adaptar as avaliacións que lles realizamos, de maneira que a avaliación resulte xusta. Do contrario, caeremos no seguinte erro.




Qué opinades?


1 comentario:

  1. Creo que as escolas oficiais de idiomas, grandes esquecidas neste mestrado, son un exemplo de centro docente público que avalía as competencias produtivas (expresión e interacción oral e escrita) mediante grades. A recepción oral e escrita avalíase mediante actividades que non esixan produción en L2 por parte do alumno.
    Ademais, adáptanse as probas para as persoas con necesidades específicas. Dende o meu punto de vista, son un exemplo a seguir.

    ResponderEliminar