mércores, 15 de febreiro de 2017

Sesión 24/01/17: explotación a partir dun warm-up, como traballar a partir dunha foto.

Comezamos esta segunda sesión con Luz, cun novo warm-up. Neste caso, a profesora dividiu a clase en dous grupos, por un lado as alumnas de inglés e por outro as de francés. Deunos un anaco de papel a cada grupo e tiñamos que debater que era o que este tiña de especial. Tivemos dous minutos para facelo. Para contabilizar o tempo, a profesora puxo no proxector un cronómetro online, ferramenta que me parece moi útil, xa que deste xeito o/a docente non ten que estar pendente do tempo e pode adicarse a comprobar se os alumnos fan a tarefa correctamente, mentres que os alumnos poden ver canto tempo lles queda en cada momento.



A resposta da actividade era que un dos anacos de papel procedía de excrementos de alce e o outro de papel reciclado a partires de pedra. Esta actividade podería servirnos, por exemplo, para introducir unha unidade didáctica sobre reciclaxe ou medioambiente. Tamén me parece un bo xeito de introducir un pouco de cultura xeral, xa que eu, por exemplo, non tiña nin idea de que se puidese facer papel a partires deses elementos. 

Algunhas das explotacións que se me ocorren a partir deste warm up son, por exemplo, pedirlles aos alumnos que investiguen na casa a partires de que outros elementos se pode obter papel e que plasmen as súas pescudas nunha redacción. 

Outra opción sería mostrarlles algún video relacionado con esta temática, como os que aparecen a continuación: 
  • Opción 1 (4ºESO, xa que é máis sinxelo)



  • Opción 2 (Bacharelato, porque a dificultade é maior)

A partires dos vídeos poderíamos, pedirlles aos rapaces que debatan por parellas ou grupos o o que entenderon e despois poñelo en común co grupo enteiro, plantexarlles unha serie de preguntas sobre o vídeo, facer brainstormings de vocabulario, algún exercicio de completar ocos, etc.

Continuando coa clase de Luz, na seguinte parte sesión, unha das alumnas do grupo fixo a exposición da actividade que a profesora nos pedira que subíramos o blog na sesión anterior (unha actividade na que se traballaran varias competencias). A súa actividade consistía nun Kahoot! Esta ferramenta tamén me parece interesante posto que é algo que os alumnos non están acostumados a facer, polo que lles desperta interese. Tamén conta cun elemento de competición e polo tanto motivación. Ademais, é unha ferramenta que permite "lucirse" a aqueles estudantes máis tímidos que non intervirían na clase se tiveran que dar as respostas en voz alta. Outra vantaxe é que as preguntas poden abarcar calquera tipo de tema polo que podemos utilizalo en infinidade de unidades didácticas. 

Porén, e no que respecta as desvantaxes, pode darse o caso de que falle a conexión a internet, polo que sería convinte ter un plan B. Ademais, se queremos que os alumnos fagan a actividade empregando os seus dispositivos móbiles, pode que precisemos unha autorización do centro. Polo que a min respecta, Kahoot! pareceme unha ferramenta innovadora que empregarei nas miñas prácticas e futuro profesional, se teño a oportunidade.

Nesta sesión tamén aprendemos un pouco máis sobre as actividades de expresión oral. Reflexionamos por exemplo acerca de como traballar a lingua estranxeira a través dunha foto. Calquera foto pode ser útil pero é mellor se personalizamos a actividade empregando unha na que apareza a propia profesora, como foi o caso da imaxe que nos mostrou Luz. Isto fai que os estudantes queiran saber máis sobre a docente porque lles pica a curiosidade, polo que se animan máis a preguntar. 

Unha parte da sesión que me resultou curiosa foi cando Luz nos entregou un crucigrama no que aparecía un dato sobre cada unha de nós. Aproveitou a actividade para demostrarnos dúas cousas. Por un lado que sempre hai que darlles aos alumnos indicacións do que teñen que facer. Ela non o fixo nesta actividade polo que ao comezo todas estabamos un pouco perdidas. 



Por outro lado, en cada unha das follas a profesora pegou un post-it de color (rosa, verde, azul e amarelo). Nós descoñecíamos cal era a función ata que, pasado un rato, nos mandou poñernos por grupos con aquelas persoas que tiñan a mesma cor ca nós. Posteriormente, refixo os grupo indicandonnos que nesta ocasión nos puxeramos unha persoa de cada cor por grupo. É dicir, aprendemos un xeito de formar grupos de traballo sen facer demasiado ruído e de maneira que varíen os componentes. 

En resumo, foi unha sesión que me gustou moito e grazas a que aprendín que todo tipo de elementos nos poden resultar útiles na aula de inglés (dende un papel, pasando por unha foto, ata uns cantos post-it).

1 comentario:

  1. Paréceme unha idea excelente traballar cos algún dos vídeos que propós para completar o tema introducido no warm up, que ben pode ser algo relacionado con Environment; hoxe case todos los libros de texto en todos os niveis tocan o tema. Si traballas ben o vídeo, pode convertirse nunha sesión completa.
    Estefanía, vas cun pouco de retraso, xa que aínda tes que subir as entradas das miñas sesións 3ª, 4ª e a conxunta de debate coa reflexión final. Tes tempo, pero recorda que non podemos ter en conta nada subido logo do 10 de marzo.

    ResponderEliminar